Parque Nacional de Ordesa e Monte Perdido


Despois destes meses de inactividade estival no club, convidámosvos aos Pirineos para visitar o Parque Nacional de Ordesa e Monte Perdido realizando dous días intensos de actividade en montaña.

Datas: xoves 20 – domingo 23 de outubro de 2016

Lugar de saída: Albergue de Quiroga non máis tarde das 18:00 hrs. (usaremos os nosos propios medios para o desprazamento). Posibilidade de saír dende outros puntos en función dos participantes.

Disciplina: sendeirismo

Distancia aproximada:

– Venres 21: 11,6 km.
– Sábado 22: 12,9 km. (refuxio – Brecha de Rolando – refuxio) + 12,9 km. (refuxio – Pradeira de Ordesa)

Desnivel acumulado aproximado (positivo e negativo):

– Venres 21: +980 -50
– Sábado 22: +700 -700 (refuxio – Brecha de Rolando) / +450 -1.320 (refuxio – Pradeira de Ordesa (pola senda dos cazadores))

Dificultade: alta

Dirixida a: socios (IMPORTANTE: para calquera das actividades recoméndase dispor de licenza federativa ou seguro que cubra os riscos na práctica dos deportes na montaña).

Material necesario:

  • roupa e calzado axeitados para alta montaña (aínda que a actividade que imos a realizar non presenta dificultades técnicas salientables (si puntuais), discorre integramente por alta montaña; isto quere dicir que temos que ir preparados con todo o noso equipo que debe incluír, obrigatoriamente, roupa de abrigo, roupa para auga, protección para cabeza, ollos e mans, etc. cousas que xa sabedes e que iremos comentando).
  • mochila con recipiente para a bebida (por exemplo entre o refuxio de Góriz e a brecha é difícil atopar auga, polo que teremos que levala dende o refuxio) e comidas para os dous días de actividade (cousas de transporte doado pero iso xa depende dos gustos de cada un e do que estea disposto a portar).
  • saco para durmir no refuxio de Góriz (recomendable), non fai falla que sexa un “supersaco” xa que normalmente nos refuxios de montaña vai bastante calor polas noites.
  • bastóns para camiñar (recomendable)
  • en función da meteoroloxía prevista protección solar (gafas, crema solar, gorra/sombreiro…)
  • roupa de recambio

Inscrición: cumprimentar o seguinte FORMULARIO

Nota: a ruta poderá ser modificada en función das condicións meteorolóxicas.

 

PROGRAMACIÓN

Día 1 (xoves 20 de outubro). Quiroga – Torla (Huesca)

Viaxe con destino a Torla. Aínda que non hai establecida ningunha hora, dependerá sempre da dispoñibilidade dos participantes. Temos que procurar non saír moito máis tarde das 18:00 h. O ideal, para ir completando coches e non ter que levar demasiados sería que todos partíramos de Quiroga. De Quiroga a Torla hai 738 Km e pódese facer máis ou menos en 7h 30′. En Torla pasaremos a noite nun albergue que está por determinar.

 

Día 2 (venres 21 de outubro). Pradeira de Ordesa (1.320 m) – refuxio de Góriz (2.200 m)

Pradeira de Ordesa – Circo de Soaso (3 horas e media – 4 horas).

Partimos da zona coñecida como a Pradeira, onde nos deixa o autobús de Torla ou os nosos coches. Remontamos o val de Ordesa por unha pista cara o Circo de Soaso que segue o curso do río Arazas. Esta é a ruta máis cómoda para chegar á fervenza da Cola de Cabalo e tamén a máis transitada. Cando levamos percorridos uns metros por esta pista, un cartel indícanos unha bifurcación cara a Senda dos Cazadores (pola que baixaremos á volta se temos ganas). Seguimos camiñando pola pista para atopar outra bifurcación que sube cara Cotatuero. Deixámola tamén a esquerda e a pista segue internándose nun faial, deixando a dereita as fervenzas de Arripas e da Cova. Neste punto, a pista aumenta o seu desnivel e gaña altura rapidamente, pasando preto dunha caseta que fai as veces de refuxio. Á nosa dereita saen un par de sendeiros que nos achegan á cachoeira do Estrecho.

Dende aquí, a pista discorre por unha zona de pradeira ata acadar as Gradas de Soaso, onde acaba a pista e comeza un sendeiro que sube ata o fondo do circo. Antes de chegar á Cola de Cabalo pasaremos un refuxio e un par de pontes de metal. A Cola de Cabalo e unha cachoeira formada polas augas que baixan polo barranco de Góriz.

Circo de Soaso – Refuxio de Góriz (1 hora e media).

Un pouco antes de chegar á famosa Cola de Cabalo, á dereita do río Arazas, hai un cruzamento sinalizado polo que podemos subir ao refuxio. Temos dúas opcións que valoraremos entre todos:

  1. Subir polas caravillas, máis curto, pero tendo que trepar un pouco.
  2. Subir polo camiño vello, que serpea pola ladeira do circo, máis largo, pero que é só camiñar (seguro que será a mellor opción pero valorarase).

Os dous camiños xúntanse un pouco máis arriba, e o sendeiro segue subindo ata acadar unha zona de pradeira onde se asenta o refuxio de Góriz.

Noite no refuxio de Góriz. Onde faremos a cea deste día e o almorzo do día seguinte.

Ruta sobre o mapa topográfico do IGN (premer no mapa para velo a maior tamaño, recomendable velo nun PC):

Pradeira de Ordesa - refuxio de Góriz (polas caravillas)

Pradeira de Ordesa – refuxio de Góriz (polas caravillas)

Percorrido en formato GPX (para o que queira levar á ruta no GPS ou móbil): premer aquí.

Pradeira de Ordesa - refuxio de Góriz (polo camiño vello)

Pradeira de Ordesa – refuxio de Góriz (polo camiño vello)

Percorrido en formato GPX (para o que queira levar á ruta no GPS ou móbil): premer aquí.

 

Día 3 (sábado 22 de outubro). Refuxio de Góriz (2.200 m) – Brecha de Rolando (2.807 m) – refuxio de Góriz (2.200 m) – Pradeira de Ordesa (1.320 m) – Torla

Refuxio de Góriz – Brecha de Rolando – refuxio de Góriz (3 horas e media – 4 horas).

  • Refuxio de Góriz – Cuello de Millaris (1 hora e media)

Moi cedo, entre as 4 h e as 5 h, sairemos de Góriz en dirección noroeste atravesando o barranco do mesmo nome. Despois dun pequeno treito empinado, imos por unha zona chan deixando o circo de Góriz a esquerda, transitando por unha zona coñecida como faixa Luenga. Pola faixa acadamos unha depresión normalmente con auga e volvemos a subir ata unha zona característica con moitas pedras planas de pequeno tamaño; é a zona coñecida como “cuello de Millaris“. Diante de nós hai unha zona fonda coñecida como “plana de San Ferlús“.

  • Cuello de Millaris – Cova xeada de Casteret – Brecha de Rolando (2 horas)

Rodeamos a “plana de San Ferlús” pola dereita, por un sendeiro que sube continuamente, suave primeiro e máis empinado despois. Despois de trepar un pouco e deixar a esquerda a golada do Descargador, vemos a Brecha de Rolando. Uns metros máis arriba está a gruta xeada de Casteret, descuberta no 1926 por Norberto Casteret. Na actualidade a cova é zona protexida e o seu acceso está prohibido.

Despois de deixar atrás a cova e atravesar varios neveiros (depende) chegamos ao paso dos Sarrios, equipado cunha cadea ancorada na rocha. Despois do paso dos Sarrios subimos á Brecha, un cortado na crista de 40 metros de ancho por 100 de alto.

  • Brecha de Rolando – Pico Taillón (3.140 m) (1 hora e media) (este tramo realizarase dependendo das condicións da montaña e sobre todo de como nos atopemos tendo en conta que nesta xornada hai que baixar de novo á Pradeira de Ordesa despois de recoller as nosas cousas no Refuxio de Góriz).

O camiño segue pola vertente española ata a falsa brecha, rodea o Dedo e sube ao Taillón por un canchal ben marcado. Dende o Taillón hai boa vista do macizo do Monte Perdido polo este e do Vignemale polo oeste.

  • Brecha de Rolando – refuxio de Góriz. (en 2 h e media deberiamos estar de volta seguindo a mesma ruta que na subida).

Ruta sobre o mapa topográfico do IGN (premer no mapa para velo a maior tamaño, recomendable velo nun PC):

Refuxio de Góriz - Brecha de Rolando - refuxio de Góriz

Refuxio de Góriz – Brecha de Rolando – refuxio de Góriz

Percorrido en formato GPX (para o que queira levar á ruta no GPS ou móbil): premer aquí.

Refuxio de Góriz – Pradeira de Ordesa (3 horas máis ou menos).

En principio baixaremos pola mesma ruta que na subida pero dependendo do estado do grupo e de como nos atopemos podemos optar por outra opción que é baixar pola coñecida e espectacular Senda dos Cazadores. Unha vez no Circo de Soaso decidiremos entre todos.

Noite en albergue en Torla despois dunha xornada longa e intensa que non nos deixará indiferentes.

Ruta sobre o mapa topográfico do IGN (premer no mapa para velo a maior tamaño, recomendable velo nun PC):

Refuxio de Góriz - Pradeira de Ordesa (pola senda dos Cazadores)

Refuxio de Góriz – Pradeira de Ordesa (pola senda dos Cazadores)

Percorrido en formato GPX (para o que queira levar á ruta no GPS ou móbil): premer aquí.

 

Día 4 (domingo 23 de outubro). Torla (Huesca) – Quiroga

Con moita calma, despois de dous días intensísimos de montaña, emprenderemos o regreso para non chegar demasiado tarde á casa.

Advertisements

Posted on 22 Setembro, 2016, in Montaña. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: